Eslovaquia, Francia e Italia xa teñen moitas ganas de Bergantiños

Eslovaquia, Francia e Italia xa teñen moitas ganas de Bergantiños

Esta fin de semana recibimos aos/as representantes das entidades eslovaca (Centru Voineho Casu CVC Kosice Youth Regional), italiana (Associazione ONLUS Levitazione) e francesa (Jeunese et Recontruction) do Proxecto XEM. Os nosos amigos chegaron o sábado e deixamos que descansaran ata o domingo onde comezamos as visitas aos puntos clave do que será este Proxecto.

O domingo inciamos o día no Pico de Meda e realizamos a traxectoria do percorrido nocturno para que puidesen coñecelo de primeira man. Tivemos un encontro cos responsables da Asociación O Santiaguiño de Carreira  e ensinámoslle o museo do liño. Logo disto, achegámonos a coñecer o escenario do Asalto ao Castelo de Vimianzo e fomos recibidos polos organizadores. O encontro foi clave para que a participación de XEM se faga de xeito coordinado. A boa organización vai ser clave durante toda a experiencia. Pola tarde detivémonos uns intres para pensar.

O Pazo da Cultura de Carballo deunos o pouso para a posta en común de ideas e perfilar algúns puntos do plan de actividades. Cando tes a oportunidade de compartir horas con xente coma os nosos convidados e convidadas, unha onda de novos coñecementos pásache por enriba. A tarde completouse cun paseo por un dos nosos recunchos máis fermosos: a praia de Razo.

A xornada do luns foi se cabe aínda máis intensa. Pola mañá achegámonos ao forum do Pazo da Cultura de Carballo, lugar onde se realizarán as actividades de aula. Unha sorte poder contar con estas instalacións. Alí, esperábannos os membros de PositiBos -Breo Xuncal e José Casás- e os membros da entidade Creando Formas. Unha hora na que se buscaron puntos en común para a estratexia de comunicación e difusión do Proxecto e tamén para coñecer a unha das entidades colaboradoras dunha das actividades máis atractivas da experiencia: Pintamos Moito.

En relación a ela, traballáronse ideas sobre a temática do mural e o lugar onde se fará o mesmo. Unha vez máis, a aportación dos nosos convidados e convidadas enriqueceu, e de que maneira, as posibilidades de XEM. Xa pola tarde, e tamén no Pazo da Cultura, rematamos de pechar os últimos puntos no que se refire aos acordos administrativos entre as entidades que participamos.

Despois, buscamos a relaxación coa visita ao bosque da Ribeira da Pena, por onde se fará o roteiro diurno. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recibiunos de maneira oficial. Un encontro para simbolizar o apoio do Concello de Carballo a este tipo de iniciativas. Con este acto, rematou esta pequena experiencia antes de que o Proxecto XEM cobre vida.

Deica pronto, amig@s! Ata o 2 de xullo

Posted in Xeral and tagged , , , , , , , , , , , .